Este domingo 21 de xuño Día Europeo da Música, achegaremos a nosa música a diferentes recunchos da cidade cunha escolma de pezas galegas de diversos compositores, entre eles Marcos e Óscar Mato.
Ás 12.30 actuaremos na Praza da Pescadería Vella.
Ás 13.30 actuaremos nas Escaleiras da Avenida de Raxoi.
Se queredes gozar dun bo anaco de música e tradición ao aire libre, xa tedes plan para este domingo. Esperámosvos!
O próximo sábado 23 de maio, actuaremos no «Ciclo da música coral» de Voces dos ermos, no Mosteiro de Poio, Pontevedra, celebrando así o noso 60 Aniversario.
Interpretaremos obras do século XIX de compositores como Mercadante, Zingarelli, Arriaga, Puccini ou Donizetti.
Santiago acollerá o vindeiro 31 de maio un dos concertos conmemorativos do 60º aniversario do Orfeón Terra a Nosa (1966-2026), unha celebración que conta co apoio do Concello compostelán e que inclúe unha programación musical en distintos puntos de Galicia.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, participou este martes na presentación desta efeméride, xunto ao director do orfeón, Luis Martínez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e un representante do Concello de Monforte. O repertorio previsto para esta celebración inclúe obras do século XIX de compositores como Saverio Mercadante, Niccolò Zingarelli, Juan Crisóstomo de Arriaga, Giacomo Puccini e Gaetano Donizetti.
Durante a súa intervención, Louzao felicitou á formación polo seu 60º aniversario e puxo en valor o papel da colaboración institucional para facer posibles proxectos culturais desta natureza. Segundo destacou, deste tipo de cooperación “sempre nacen os mellores proxectos”.
A concelleira subliñou tamén a relevancia do Orfeón Terra a Nosa na vida cultural da cidade, sinalando que “o orfeón é un dos protagonistas indiscutibles da vida cultural compostelá, uns deses protagonistas que co seu traballo, ano a ano, axudou a conformar a Compostela Capital Cultural da que nos sentimos tan orgullosas e da que nos gabamos cada día”.
O próximo sábado 25 de abril, actuaremos no «Ciclo Primavera» do Concello de Rianxo, celebrando así o noso 60 Aniversario. Interpretaremos obras do século XIX de compositores como Mercadante, Zingarelli, Arriaga, Puccini ou Donizetti.Podedes disfrutar deste concerto ás 20.30 no Centro Sociocultural – Auditorio de Rianxo